miércoles, 24 de junio de 2015

Natividad de san Juan en Seoane de Allariz.

Con triduo ou sen el, san Xoán de Seoane festexa o seu patrón con Misa solemne e procesión. E faino dúas veces. A primeira vez, o día propio, a segunda é cando chega o domingo máis cercano tras do 24 de xuño.



Este ano non lle celebramos triduo pero si o primeiro día de festa: o do seu nacemento. Ás 20.30 h, preparavamos todo para saír en procesión, ca recomendación de aproveitala como introito á Misa. Procesión na que sempre o sacerdote recomenda: rezar, cantar, calar. Tres accións que nos axudarán a vivila con sentido e devoción, sen despirtarse con faladurías ou comentarios que ben poden esperar unha horiña máis. Como a tarde estivo despexada, saímos en procesión, dende a igrexa ata o cruceiro do final do pobo. Ó principio, en silencio, pois xa ben “falaban” as campás repenicadas e os foguetes; logo, intercalando cantos, oracións, breves momentos de silencio.

Chegados ó adro, unha volta en torno ó templo parroquial e Misa. Na predicación, un ánimo a imitar ó bautista, unhas notas sobre o tempo e xentes da súa época, remarcando a espera mesiánica daquela, e o consolo de saber que estamos todos feitos da mesma pasta santificable. Cantos, Canon romano, calma no rezo, bendición solemne, todo o preciso para sentir a solemnidade deste santo que, como di algunha novena, é máis fillo da gracia que da carne.



E agardando quedamos para o domingo, cando moita máis xente virá e de novo sacaremos a imaxe do santo polo pobo e volveremos a alegrarnos da paciencia e do amor de Deus, que non vai por libre senón que conta connosco, e non vive solitario da inmensidade inalcanzable senón que nos fala para que lle respondamos.

Fin de curso arciprestal.

Como soe recomendarse e non sempre é costume, chegou a hora de rematar o curso arciprestal cunha saída e comida fraterna. O lugar elexido foi Celanova, en concreto o mosteiro levantado por san Rosendo.

Alí nos xuntamos con don Jorge Eugenio Estévez, o "noso mestre" deste ano, encargado de darnos a charla mensual de formación sacerdotal. O longo do curso foi desgranando toda unha serie de temas, co gallo de coñecer máis e mellor a figura de María. E sen quedarnos no teórico, que se baixou máis dunha vez ó cariño para con ela e ás devocións, persoais e comunitarias. Toda unha oportunidade de renovar o amor a María e coñecer a orixe e fundamentación de distintos dogmas que se lle recoñecen.
Non foi o único en estar cos curas que nos xuntamos do arciprestado. Tamén don Benito, a falta de don César, foi convocado e converteuse nun magnífico anfitrión que nos guiou polo interior do mosteiro. Así, puidemos comprobar de primeira man e con calma, as restauracións destes últimos anos, algunhas curiosidades en canto a figuras (por exemplo, que hai alomenos dúas imaxes de homes con gafas nos pequenos alabastros policromados do altar), historias e persoas relacionadas cos últimos aniversarios, especialmente referidos a san Rosendo, repasar as estancias e as súas obras de arte, antigas e contemporáneas,... empaparnos, en definitiva, da historia milenaria e viva deste templo. Visita por templo, sacristías e coro alto, co recordo do defunto don Daniel, sacerdote que alí servíu e que fora o  mentor de don Ángel, o sacerdote de Corvillón e san Torcuato. Non era a única historia senón que habería que falar tamén das actuais investigacións musicais do profesor Olleros.

Cando rematou, tras pasar pola capeliña de san Miguel, continuamos pola parte do Concello, subindo ata o campanario. Vistas preciosas de Celanova e a contorna, acompañados do sr. Alcalde e un membro da corporación municipal, amén das campás que, nese momento, daban as dúas da tarde.

Tra-la espiritualidade e a cultura, un bo xantar na beira do Orille, no Muíño do Chirlo, cunha longa sobremesa, preludio das celebracións vespertinas festexando a natividade do precursor de Cristo.